Pronto saen a luz os "Anacos da Vida"...
Para ir facendo ganas, vai o limiar que me escribíu a Ana de Vilatuxe
Tempos que foi para nós sermos
Ana de Vilatuxe
Cando a vosa ollada caia sobre estes deseños, virán de volta, Anacos da vida. Anacos da vida amósamos realidades que moitas de nós vivimos ou das que oímos falar. Do mesmo xeito que Memorias dun neno labrego foi para min e para moitas un espello onde nos vimos reflectidas, estas historias contadas polas ancestras adquirirán igual significado no presente e nun futuro distante. Cóntanos o Víctor historias dun tempo que pasou, vivirámolo ou non. Un tempo que deixou pegada en nós. Somos o que somos por todo aquilo que sucedeu no transcurso da vida.
Descríbenos con detalle aquel mundo non tan afastado e, aínda así, xa case esquecido. Amósallo a quen non o viviu e fainos lembrar a quen si o fixemos; un tempo que foi para nós sermos.
Contado como o contaban as ancestras, mais el non precisa palabras para transmitilo.
Fálanos de pasado e, asemade, de futuro. Un futuro sobre o que deberiamos reflexionar. Porque volver a unha vida que nos conecte de novo co que fomos é cada vez máis urxente.
Ao pé deste lume imaxinario que foi capaz de crear o artista de Carballedo con este libro, cobran vida de novo as historias contadas á calor da lareira. E, mercé ao paso do tempo, sen remorsos e sen rodeos, con plena liberdade para falar de todo aquilo que aconteceu.
Ao ver estes deseños, acudiron a min tantas historias agochadas no fondal da memoria! Trouxéronme de volta aqueles contos de vellas que tanto custaba crer: a Santa Compaña, os meigallos, a sombra da morte, a beizón das pezoñas...
Tamén gozabamos dos que enrubecían as meixelas: os primeiros amores, aqueles amores que para algunha xente eran pecado ou estaban prohibidos, eses que sempre existiron e existirán por moito que queiran negalos. En resumo, noites de palleiro.
E os que nos facían rir ás gargalladas: o roubo da froita madura, as trasnadas dos maiores e a cativada...
Sen sermos moi conscientes, aquelas historias gardaban ensinanzas para o futuro, proporcionábannos valiosos consellos: “Vai aprendendo que eu non hei durar toda a vida!”.
Escoitade e atesourade, nun recuncho da vosa memoria, estas historias non tan afastadas, pois precisamos delas. O esquecemento nunca fixo ben a ninguén. Do bo sacaremos proveito, o ruín tentaremos non repetilo.
Val da Maía, marzo de 2021
Comentarios