Anacos da Vida con David Rubín

 


Para que fagades ganas de facervos cos "Anacos da Vida", lede o que dí David Rubín do libro. 🥰
Grazas, Deivid!!!!
Un cosmos a pé de rúa (o futuro entre leiras)
de David Rubín
Lembro perfectamente o día que coñecín a Víctor Rivas, hai xa vinte anos, nunha coñecida rúa compostelá.
El xa era un profesional con traxectoria nestas lides do debuxo, a ilustración e a BD, eu, un rapaz que apenas comezaba a abrirse camiño neses mundos a forza de erros e teimosía. E malia esas diferenzas, cando chocamos as mans por vez primeira aquela tarde en Compostela, a sensación foi a de atopar, tras moito rebuscar, a peza que faltaba para completar a imaxe dun quebracabeza, a alegría de reencontrarte con unha persoa querida, alguén en que confías plenamente nada máis coñecelo, coma se o destino dispuxese todo o Cosmos dun xeito máxico para que o debuxante cunha traxectoria consolidada e o rapaz que loitaba por ser debuxante se atopasen.
Esa sensación estraña e agarimosa, ese déjà vu que fai que te sintas como unha persoa próxima, coñecida —algo que nunca experimentara—, foi o que sentín ao chocar as mans con Víctor por vez primeira, e renovo esa sensación cada vez que lle boto un ollo a súa obra.
Víctor é unha túrmix creativa; no seu traballo recóllense infinitas tradicións e xeitos de entender e aplicar o grafismo, de contar historias mediante debuxos nos que se mesturan a escola da BD francobelga co manga, o gravado decimonónico e o folletín coa síntese máis moderna e de vangarda, a enerxía do cartoon norteamericano con recursos propios da tradición gráfica e retranqueira galega máis auténtica, Víctor é un crisol gráfico no que cabe de todo, un prestidixitador que sabe usar con mestría unha infinidade de estilos sen perder en ningún momento a súa personalidade, a súa voz.
É indiferente a técnica ou estilo que use para dar vida a un traballo determinado, para contar as historias que quere ou lle toca contar, sempre se albisca, por riba de calquera outra cousa, a Víctor, a súa voz, o seu xeito de ver e entender o mundo.
A serie de ilustracións —que para min son máis BD que ilustracións en si mes- mas, xa que están cheas de ritmo e narrativa— que este libro contén é unha clara mostra de todo o que acabo de dicir:
Nestas estampas rurais, netamente galegas, Víctor sabe mesturar en perfecta harmonía unhas xenerosas doses do seu admirado Yves Chaland, mestre da BD francobelga, co grolo xusto da vertente máis retranqueira e gráfica de Castelao, aderezando a mestura cunhas pingas do Peter Arno máis sintético, intelixente e mordaz do semanario The New Yorker, todo iso remexido con mestría, personalidade e, por riba de todo, honestidade, dando lugar a un cóctel soberbio e equilibrado no que relata escenas dun rural que semellan do pasado, que Víctor nos trae ao presente con sabedoría, chegando mesmo a vaticinar certos futuros posibles sobre a nosa terra e sobre nós mesmos.
Non é unha tarefa sinxela, posiblemente tampouco agradecida, pero, sen dúbida ningunha, é valente e honesta, como o trazo e a mirada de Víctor; é, ó meu parecer, certeira.
Vinte anos xa daquel chocar de mans e risos nunha empedrada rúa compostelá, e Víctor e o seu traballo parécenme aínda máis novos, máis fortes e enérxicos agora que antes, con toda a mestría que outorgan décadas de dedicación exclusiva ao debuxo, de entender e facerse entender a través desta disciplina artística e, sobre todo de vivir, porque para contar como Víctor conta os anacos de vida que compoñen esta obra, precísase sobre todo observar, desfrutar, recordar e experimentar a vida e as vidas que nos rodean, a partir das cales contruímos nós a nosa, como sistemas solares dentro de galaxias, e a visión e o trazo de Víctor Rivas son aquí o buraco negro no seu centro que os fai xirar, mesturarse, vivir.
É todo un cosmos, galego e universal, o que recolle e constrúe Víctor nestas viñetas.
Desfrutemos do paseo a través delas, e non perdamos de vista este libro, talvez dentro de vinte anos siga a mostrarnos camiños que percorrer e maneiras de entender a vida, a terra, e mais a nós mesmos... con humor e sabedoría, do mesmo xeito que o vén facendo comigo dende aquela tarde que nos presentaron na Rúa do Vilar de Compostela ata hoxe.
No exilio madrileño, a seis de abril de 2021, un ano despois da fin do Mundo

Comentarios