Déixovos coas palabras de Joám J. Romero-Porto Durán sobre Anacos da Vida. Unha visión acaida que atravesa os meus debuxos e a miña propia alma. Mil grazas, compañeiro!!
A arte útil
de Joám J. Romero-Porto Durán
A creación artística abriga algo máxico que entendemos sen identificar, e que transcende os límites da nosa ilusión. O seu produto abrolla e permanece na medida en que serve, consciente ou inconscientemente a sociedade. Un día, o noso autor decidiu entregarse ás cousas do espírito e a arte. Temos sorte, souben elixir ben. A súa traxectoria así o demostra. El contribúe a nos sacudir o letargo cotián e interromper a rutina burócrata que esclerotiza o fluír da nosa cultura.
Unha sociedade que menosprecia a súa arte e cultura está a hipotecar o seu futuro. Ética e estética son dimensións da mesma realidade. O artista, como intelectual, está na vangarda do progreso espiritual da sociedade e a súa arte é expresión dos nosos temores, soños, pensamentos e anhelos, aínda que no presente o artista tamén se pensa impelido a trabar unha batalla na procura do equilibrio entre a liberdade creativa e a voraz predación mercantil.
En Anacos da vida Víctor ilústranos sinteticamente sobre aspectos da nosa cultura popular que dificilmente poden ser evocados con tal nivel de aproximación de forma escrita. É a clase de arte que este vello País necesita. Identifica, representa, escenifica, detalla, significa, ilustra e valoriza o que fomos e somos, colaborando para recuperar a nosa autoestima como pobo. Desvela e aviva elementos latentes, mais non revelados, da nosa tradición cultural, reverdecendo a nosa esperanza porque precisamos irrigar raíces para que poidamos resistir e garantir unha nova renacenza.
De feito, estamos ante un autor que non agarda impasíbel ante a realidade que o circunda. Dou testemuño do seu envolvemento desinteresado no seu contorno social e cultural. Un compromiso que o categoriza como un verdaderiro intelectual, porque participa da realidade que protagoniza a súa obra, fuxindo da banal pasividade contemplativa. Debedor da mellor tradición da ilustración galega, que un leigo coma min liga directamente con vultos patrios como Castelao, tece un fío entre a vida de noutrora e o noso presente, axudando a combater os valores que nos separan, individualizan, e nos fan reféns do medo e a derrota nesta verdadeira crise civilizadora, tempo de rendición ante os altares da fatuidade, ante os que se sacrifica calquera propósito de permanencia.
Celebramos nestas páxinas unha contribución ao acervo cultural humano, desta parcela do mundo á que chamamos Galiza. Grazas por un libro meigo que confirma unha vez máis a Víctor como un auténtico Poeta da Ilustración.
Viascón, 31 de xaneiro de 2021
Comentarios